Web oficial do BNG

Galiza Nova

A Estrada

Agolada

Salceda

Lalín

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

O GOBERNO DE FREIRE COUTO HIPOTECA O FUTURO DA XESTIÓN DA AUGA AO AMPLIARLLE  A CONCESIÓN A AQUAGEST ATÉ O ANO 2045

 

                O BNG  denuncia a decisión tomada polo grupo de goberno de Barbadás de ampliarlle a xestión do servizo a Aquagest até o ano 2045, hipotecando así futuras negociacións e decisións que se puderan tomar en caso de que outros grupos municipais acordaran mudar o tipo de concesión.

                A modificación do contrato será debatida no pleno ordinario que se vai celebrar o xoves, 29 de xuño –a data prevista do 26 tivo que ser posposta por ausencia do alcalde-.

                Na comisión informativa, na que se deu a coñecer un informe emitido pola empresa a solicitude da alcaldía, o rexedor recoñeceu que a situación era dramática e que se non se solventaban, a curto prazo, os problemas infra-estruturais existentes podería incluso producirse unha catástrofe.

                Logo dos continuos cortes de auga e falla de presión que veñen sofrendo os viciños d’As Lamas, O Fonsillón e A Valenzá, os técnicos  chegaron a conclusión de que a raíz do problema está  na precariedade en que se atopa a condución da auga que ven desde San Cibrao das Viñas á Valenzá.

Substituir ese tramo de tubaxes tería un custo aproximado de 325.000 € , que Aquagest se compromete a investir a cambio de o concello de Barbadás lle renovar a concesión por 20 anos máis dos inicialmente acordados.

                Xunto co estudo realizado por Aquagest sobre o estado desta infra-estrutura o alcalde apresentou un informe elaborado por un economista no que, de xeito implícito, se reflecte que serán precisos outros 20 anos para amortizar o investimento que está disposto a facer a empresa Aquagest.

                Porén, o BNG pon en dúbida a validez deste informe porque recolle dados que contradín a realidade. Entre outras cuestións, afírmase que no ano 2005 o número de clientes que a empresa ten no  concello de Barbadás é de 4.395 e que no ano 2025 será de 5.521.  Tendo en conta que as estatísticas demostran que a poboación do municipio medra en 1.000 habitantes por ano e que está prevista a construción de máis de 2.000 vivendas,  razóns obxectivas obrigan a desconfiar do informe elaborado polo economista-forense.  Por aportar outro dado, absolutamente irracional e recollido no citado estudo, en determinados  anos o incremento poboacional é do 0 %.

                O grupo nacionalista entende que este intento de Freire Couto de chegar a un acordo urxente con Aquagest ven motivado polo apuro das eleicións. O alcalde é culpábel dunha xestión inadecuada; actuou sempre de xeito irresponsábel ao non preocuparse porque Barbadás contara con infra-estrutura propria en materia de abastecimento e saneamento; servíuse dos servizos públicos de Ourense sen  pagar nengún tipo de contraprestación; deixou facer aos promotores urbanísticos sen preocuparse pola cualidade das infra-estruturas.

                Os feitos danlle a razón ao BNG que sempre advertiu que o caos urbanístico d’A Valenzá acabaría por pasar factura. O goberno do PP tivo no PXOM o verdadeiro instrumento para lograr o  desenvolvimento sustentábel do seu territorio, para corrixir a considerábel presión urbanística que suporta A Valenzá. Apesar diso, o PP utilizou o planeamento de xeito clientelar para favorecer aos especuladores urbanísticos, deixando construir  sen control e non facendo fincapé na mellora das infra-estruturas e dos servizos que tiñan que ir aparelladas ao medre urbanístico e poboacional.

 

                                                                              Barbadás, a 23 de xuño de 2006

 

 

 
     

 

 

 

O BNG colabora co Colectivo Cidadán Pro Centros Públicos en Barbadás.


Estadisticas web