Contacta connosco

barbadas@bngbarbadas.org"

O Galo, voceiro do BNG de Barbadás

 

 

 

 

 

 


O CONCELLO DE BARBADÁS CONTRATA COMO DIRECTORA-XERENTE DO CENTRO EMPRESARIAL TRANSFRONTEIRIZO Á FILLA DO XERENTE DO INORDE

O pasado venres, na semi-inauguración da Casa dos Empresarios de Barbadás, coñecemos a identidade da  nova directora-xerente, Lucía Rodríguez Rodríguez, que casualmente  é  a filla do xerente do INORDE, Xosé Manoel Rodríguez.

O BNG xa intuía que as bases do concurso de contratación, que foran publicadas no BOP do 11 de Xaneiro, estaban redactadas á carta como xa ben sendo habitual coa política de persoal que dirixe Freire Couto.

Era moi sospeitoso que para planificar e desenvolver as actividades do Centro Empresarial e para prestar apoio técnico aos empresarios un dos requisitos que debían reunir os aspirantes era o de ser licenciado/a en direito, cando parecería  máis lóxico que o xerente do centro estivese en posesión do título de empresariais.

Na valoración dos méritos tamén se poden advertir certas curiosidades: estar en posesión do título de técnico en riscos laborais puntua 3 puntos; porén, a experiencia xurídica no ámbito da empresa puntuaba un máximo de 2 puntos.

A guinda que colmaba este feixe de presuntos privilexios, a favor dunha determinada aspirante, era a entrevista persoal que sumaba até 4 puntos –máis que nengún outro mérito-.

No tribunal cualificador, conformado por cinco persoas, estaban -ademais do alcalde- un técnico do INORDE e un técnico da Deputación.  Lembramos que o proxenitor da directora-xerente do Centro de Barbadás é  o máximo directivo do INORDE, organismo dependente da Deputación.

            Segundo as bases do concurso, o contrato será dun ano prorrogábel e a retribución acada os 34.397 € anuais. O grupo municipal do BNG  considera este soldo abusivo.

A Lucía Rodríguez fíxoselle un contrato en réxime de relación laboral de carácter especial como persoal de alta dirección cando aínda non está moi claro o traballo que vai desempeñar xa que, até o momento, o tecido industrial de Barbadás é practicamente nulo e tampouco hai constancia de que haxa empresarios interesados en instalarse no noso municipio. O concello non conta con solo industrial  e tampouco está previsto que, nun futuro próximo,  se vaia criar un parque empresarial  con orzamentos da Xunta.

O BNG quere lembrar que éste é un centro empresarial transfronteirizo que se criou con fondos europeus. Un dos obxectivos vai encamiñado á colaboración con empresas portuguesas polo que desde o BNG perguntámonos como van ser de fluídas esas relacións se a xerente, Lucía Rodríguez,  emprega só o idioma castelán.

            Por último, destacar que unha das campañas que pretenden pór en marcha para promocionar o comercio en Barbadás leva o nome de “El verano de tu vida”.

          Barbadás, 3 de Abril de 2006.

 

 

 

 

O BNG colabora co Colectivo Cidadán Pro Centros Públicos en Barbadás.