![]() | ||||
|
Contacta connosco O Galo, voceiro do BNG de Barbadás
|
O BNG EN CONTRA DO ORZAMENTO MUNICIPAL PARA O 2006 Estudo pormenorizado dos orzamentos O BNG votou en contra do orzamento que o PP elaborou para o vindeiro ano por consideralo continuista, eleitoralista e falto de contido ao non dar solución ás demandas da cidadanía. O rexedor municipal, Sr. Freire Couto, sempre fixo gala da contención do gasto como garante da estabilidade económica do concello de Barbadás e, xusto a ano e meio das eleicións municipais, endebeda as arcas municipais solicitando un crédito de 1.100.000 € co aparente único obxectivo de facer populismo e manter o seu estatus de poder caciquil e absolutista. Se botarmos unha ollada ao gasto en investimentos semella claro que só se procura manter os votos, hipotecando o futuro e deixando sen resolver as necesidades básicas, estruturais, deste concello: non destina nen un só euro para a solución do grave problema do transporte, nen para mercar terreos que posibiliten a construción dun cemiterio, un instituto, ou unha mellor ubicación do novo centro de saúde; nada se consigna para unha piscina coberta, un xeriátrico, a depuración das augas residuais, ou a promoción do emprego; outro tanto acontece coa prevención dos incendios, a problemática meioambiental, a potenciación da agricultura ou a normalización da nosa lingua. Á construción do polideportivo dedica exclusivamente 70.000 €; en cambio, investe 105.000 € en dotar de herba artificial o campo de futebol d’Os Carrís (o resto do orzamento, até os 500.000 €, seica o pon a Deputación). Segue habendo un gasto desmesurado na verba de gastos correntes, onde inclúen as remuneracións do persoal, os subsidios ás asociacións e a compra de bens correntes que soman o 68% do total do gasto; un orzamento que para o 2006 se eleva aos 4.882.400 €. Para facer cadrar as contas, o PP segue a exaxerar -máis unha vez e premeditadamente- os ingresos. Así, e a modo de exemplo, aseguran poder recadar, polo IBI 915.000 € , cando no 2004 apenas se liquidaran 461.000 € . Esta verba é facilmente previsíbel e, portanto, resulta un dado obxectivo que en dous anos dificilmente os ingresos por este conceito podan medrar o duplo. As contas do concello para o 2006 deixan entrever que o Sr. Alcalde albisca a posíbel perda da maioría absoluta do PP en Barbadás e determinan a súa intención de recorrer a todo tipo de argucias para tentar de impedir que isto suceda. Estes orzamentos evidencian un claro défice democrático, ao non contar coa participación da cidadanía na súa elaboración; favorecen un mal aproveitamento dos recursos públicos; carecen de credibilidade; salientan a falta dun deseño político do que se quer se sexa o futuro do noso concello; e configuran un instrumento populista e eleitoralista, para o mantimento da actual xestión caciquil, obscurantista e autocrática do PP.
|
O BNG colabora co Colectivo Cidadán Pro Centros Públicos en Barbadás.
| ||