|
QUEN ENGANA A QUEN, SR.
ALCALDE?
O BNG no concello de
Barbadás quer sair ao paso da campaña propagandística difamatoria que está
a levar o PP, tentando de culpabilizar ao noso grupo político da supresión
do PAC ubicado no núcleo d’A Valenzá e acusándoo de “enganar aos
viciños”.
Causa estupor o grau de cinismo
político do Sr. Alcalde, sendo como é do domínio público que xa hai 4
anos, en Decembro de 2002, o Sr. Freire Couto tiña pactada coa
Xerencia de Atención Primaria de Ourense
-governando de aquela na Xunta o PP- a supresión do servizo de
urxencias médicas do noso concello e que foron precisamente as
iniciativas políticas e sociais do BNG as que impediran naquela altura a
efectivización da medida, por supor unha decisión tomada
exclusivamente con criterios economicistas e non mellorar a cualidade
asistencial d@s usuari@s.
Pasados 4 anos, e demostrada
sobradamente a incapacidade do PP para gobernar este concello e a
incompetencia do seu Alcalde para dar solución ao grave défice sanitario
que padece Barbadás, vense obrigados a empregar tácticas máis proprias
da oposición e recorrendo -sen a menor decencia política- á mentira, á
calunia e á manipulación social para tentar ocultar o fracaso dunha
xestión que se prolonga -con maioria absoluta- desde hai 2 décadas.
Cando no Pleno do 29 de Xuño
pasado, pola via de urxencia e sen coñecimento previo da oposición, o PP
apresentara unha moción solicitando das autoridades municipais da Xunta a
mantención do actual PAC, este grupo político nacionalista
-intuindo unha posíbel manobra eleitoralista do Sr. Freire- exixiu
evidencias obxectivábeis que xustificasen a adopción de tal acordo por
parte do Pleno e que, perante a ausencia de probas, motivara a nosa
abstención. A resposta do PP fundamentárase apenas na desconfianza
gratuita que lle oferecia o compromiso a que tiña chegado en recentes
conversas co Delegado de Sanidade de non supresión do servizo, apoiando
tal suspeita en “informacións recebidas de profisionais sanitarios do
PAC”.
O BNG,
sendo coñecedor da determinación da Consellaria de Sanidade de proceder a
mancomunar o dispositivo das urxencias sanitarias na comarca de Ourense
coa intención de garantir un bon servizo á cidadanía, entrevistouse cos
responsábeis da administración autonómica para exixirlles que mantivesen
os actuais equipamentos sanitarios do concello de Barbadás encanto non se
superasen as carencias estruturais que neste ámbito padecemos. E @s
nacionalistas arrincáramos, naquel momento, o compromiso
verbal e por escrito de que iso así sería.
Portanto, o BNG actuou -máis
unha vez- con completa honradez e dilixencia na defensa dos intereses d@s
usuari@s do PAC de Barbadás.
Porque fala entón o PP de que “o
BNG engana aos viciños” ?.
Onde está o engano ?. Quen engana a quen, Sr. Alcalde ?.
Cando, posteriormente, o Sr.
Freire ten constancia irrefutábel da decisión da Consellaria de Sanidade
de suprimir o PAC d’A Valenzá a partir do mes de Agosto, o primeiro que
fai non é convocar un Pleno para analisar a nova situación criada e
recadar o apoio do conxunto das forzas políticas que representan ao
conxunto da cidadania neste concello –como sería a súa obriga se se
comportase co sentido institucional e coa responsabilidade política
inerente á condición de Presidente da Cámara Municipal de Barbadás-. Pois
non. O que fai é planificar unha campaña demagóxica e intoxicadora,
baseada na infamia e na inxuria, colocando no centro da “diana” non ao
responsábel da medida –a Consellaria de Sanidade- senón áquela
organización política que está en condicións de arrebatarlle a alcaldía, o
BNG.
E todo isto, coa agravante de
levar a cabo esa campaña instrumentalizando os meios económicos,
materiais e humanos de que dispón o Concello de Barbadás -que pagamos
tod@s cos nosos impostos e que deberan portanto estar ao servizo de tod@s-
dun xeito partidista e eleitoralista.
Ao mesmo tempo, queremos
denunciar a manipulación que o PP fai do conceito de “Concello” (que
somente sería lexítimo usar facendo referencia ao conxunto das forzas
políticas que representan á cidadania en Barbadás), confundindo
premeditadamente institución municipal con partido e dando idea da
concepción autoritaria e reaccionaria que sustenta a prática política
deste partido.
Porén, este comportamento
político -claramente antidemocrático- non nos extraña nada vindo como ven
de persoas que se dedican a darlle brillo aos símbolos fascistas que ainda
perduran no noso concello.
Conseguintemente, o BNG en
Barbadás reclama do Sr. Alcalde o necesario consenso institucional,
a convocatoria imediata dun Pleno Extraordinario e Urxente para recadar a
unidade de todas as forzas políticas co obxectivo de conseguir que non se
perda nengún dispositivo asistencial en Barbadás e a retirada de
todas as faixas inxuriosas que con meios públicos ten colocado
ilexitimamente o PP ao longo do concello.
Aliás, queremos deixar
constancia do noso total apoio a todas aquelas iniciativas viciñais que,
con procedimentos democráticos e guiadas polo interese colectivo, procuran
axudar a resolver as problemáticas que padecemos e que as instancias
administrativas e políticas que nos gobernan se mostran incapaces de
solventar. Neste senso, e dada a absoluta inoperancia do PP, o BNG en
Barbadás comprométese a seguir loitando pola criazón do Consello
Municipal de Saúde para estimular e viabilizar a participación
activa da comunidade na xestión e planificación sanitaria do Concello.
Noutra orde de cousas, tamén
gostaríamos de deixar constancia da falta de seriedade das autoridades
sanitarias da Xunta de Galiza. En primeiro termo, por incumprir os
compromisos orais e escritos a que tiñan chegado con todas as forzas
políticas con representación neste concello. En segundo lugar, por non ter
a coraxe política de vir explicar publicamente aos/ás cidadáns/ás de
Barbadás as bondades da nova reestruturación das urxencias sanitarias na
comarca.
Se, en realidade, o que se
pretende é que a cidadanía comprenda a pertinencia desas medidas é
necesario e imprescindíbel para o BNG que sexan convenientemente aclaradas
polos responsábeis de levalas a cabo.
O BNG en Barbadás é consciente
de que nunca existiu un servizo de urxencias no noso concello, merecente
de tal nome. A ubicación do PAC no actual Consultorio é un inconveniente insalvábel
pola insuficiencia de espazo e a inexistencia de meios tecnolóxicos
(laboratorio, radioloxia…) e humanos que permitan unha asistencia
minimamente resolutiva para casos de emerxencia. Da evidencia de tais
carencias derivou o facto de que, na prática, a maioria d@s potenciais
usuari@s deste servizo se dirixan ás urxencias do hospital de Ourense
cando precisan de consulta. Entendemos que coa nova proposta da
Consellaría de Sanidade se mellorará o servizo de urxencias por contar
con meios asistenciais axeitados, evitándose as esperas que se dan
actualmente ao acudir ás urxencias hospitalarias da capital e incluir a
atención pediátrica permanente a partir do 1 de Outubro, entre outras
vantaxes.
Contodo, o BNG en Barbadás
non está por defender que se perdan servizos asistenciais, consolidados ao
longo do tempo. O BNG está por preservar o pouco que temos e
exixir as melloras que en xustiza nos corresponden. Non acreditamos nas
rebaixas políticas, nen damos cheques en branco. Queremos que se teña
en conta e se valorice o facto de vivermos nun concello que medra
exponencialmente (estamos á cabeza de Galiza) e que, de xeito
contraditorio, padece uns défices en materia sanitaria enormes que
nengunha administración (nen municipal nen autonómica) foi capaz ou
tivo vontade até o momento de compensar.
Neste senso, consideramos
urxente e primordial a construción dun novo Centro de Saúde.
Resulta vergoñento que un
concello governado por un médico durante tantos anos, non teña disposto
dun terreno adecuado para a súa ubicación.
Semella un sinal inequívoco de
que o Sr. Freire Couto está máis preocupado pola saúde dos negocios
especulativos, que contornan o sector imobiliario e da construción, do que
da boa saúde dos viciños e viciñas de Barbadás.
Barbadás, 31 de Xullo de 2006
|